martes, 5 de novembro de 2019

48 PREMIOS LITERARIOS MINERVA

Colexio M. Peleteiro vén de facer públicas as bases polas que se rexerán os Premios Literarios Minerva, un certame escolar co que se pretende contribuír ao fomento do uso do galego no ámbito educativo e a impulsar a literatura na nosa lingua entre a mocidade.
Trátase da edición número corenta e oito dos recoñecidos galardós, dos máis lonxevos de Galicia dentro da literatura xuvenil.
Nestes premios poderán participar todos os alumnos de 3º e 4º de ESO e Bacharelato que cursen os seus estudos en calquera colexio ou instituto da Comunidade Autónoma, e ademais non teñan cumpridos os 20 anos o 31 de decembro do 2020.
As bases recollen as condicións que teñen que cumprir os textos e os prazos do certame. O alumnado interesado en participar terá ata o 17 de xaneiro de 2020 para presentar os traballos que deben ser orixinais, inéditos e por suposto en galego. Terán a posibilidade de participar en dúas modalidades: poesía ou narración. No primeiro xénero son precisos tres poemas, de tema e forma libres. Tamén en narración poderán elixir a temática, tendo neste caso un espazo máximo de seis folios e mínimo de dous mecanografados a dobre espazo.